luns, 26 de novembro de 2018

Hai un capítulo de This American Life no que penso moito últimamente.
Nel, o periodista Josh Bearman conta a historia da súa nai e o seu medio irmán, David. Os pais de Bearman divorciáronse cando era novo, e el criouse en California co pai. A nai era alcohólica. Tivo outro fillo, cun narcotraficante ó que despois asesinaron diante dela, e acabou vivindo de prestado nunha comunidade de retirados en Florida.
Un día Josh recibiu unha chamada do seu irmán pequeno: estaba a piques de entrar no cárcere durante un mes, e a nai acababa de ser internada nun hospital despois de pasarse semanas nun estupor alcohólico. Josh voou dende California a Florida para facerse cargo da situación.
No capítulo describe o estado no que encontrou a casa da súa nai: ulía a mexos en todas partes, había carrachas na nevera e no microondas. Levaban cunha ventá rota por un furacán dende facía meses, que nunca se preocuparan de amañar.
No medio do desastre parece un detalle menor, pero Bearman explica que así é como eran a súa nai e o seu irmán, máis aló da cárcere e do alcohol: flexibles, adaptables. Pasáballes algo que empeoraba a súa vida, e eles acostumábanse a vivir cun tablón tapando a ventá do salón, ou sen poder utiliza-la nevera, ata o punto no que xa non sentían a necesidade de amañala.
Haberá quen fale positivamente da resiliencia, e incluso da falta de ambición. Pero eu tardei dous anos en acaba-lo proxecto fin de carreira, porque me adaptei a non telo e me convencín a min mesmo de que non estaba mal sin el. Adapteime a vivir de prestado no piso da miña moza durante meses, a non ter nevera, eu tampouco, na casa de meus pais.
Fai tres anos encontrei traballo na Coruña, a mil quilómetros da miña moza. Non era unha situación ideal, pero aprendín a encontrar satisfacción na rutina das oito horas ó día de oficina, no soldo e nas responsabilidades, e a minimiza-lo problema de vivir lonxe dela.
Ahora vou deixa-lo traballo para irme vivir con ela en Barcelona. Leva anos esperando por min. Adaptareime, claro, eso non é o que me da medo.
Penso moito nese capítulo de This American Life ultimamente.