mércores, 16 de xullo de 2014

Oportunidades perdidas

Vén do capítulo anterior
Versión en castelán aquí

A expedición Discovery fora organizada conxunta e moi disputadamente por dúas asociacións científicas, a Royal Society e a Royal Geographical Society (RGS de aquí en diante), cuias diferencias, cabería supoñer soamente con leerlles os nomes, non podían ser moi grandes.
A Royal Society, fiel a unha historia(1) na que participaran por igual matemáticos, biólogos e inventores, fixara unha serie moi amplia de obxectivos científicos (recollida e estudio de especímenes, análise da meteoroloxía e da dinámica do xeo, establecemento dunha historia xeolóxica etc), estudiando en profundidade as zonas xa coñecidas. Pola súa banda, a RGS, co seu presidente Clements Markham ó frente, pretendía centra-la expedición na exploración xeográfica do que por entonces aínda era un vacío nos mapas, terra incognita, hic sunt dracones
A diverxencia parece pequena, pero é un punto de apoio no que facer palanca. Nalgunha parte escribín xa sobre cómo somos capaces de resumi-la independencia de Cataluña e a loita entre neoliberalismo e socialdemocracia nun derbi de fútbol, ou usa-la rivalidade entre dous ciclistas coma metáfora da caída do fascismo en Italia. Non costa nada crear unha mitoloxía que encha o furado aberto entre a Royal Society e a RGS: contrapoñe-la sensatez conservadora e un tanto gris dunha frente á romántica fuxida cara adiante da outra, debuxa-la caricatura dun ratón de laboratorio en bata blanca, incapaz de facer lume, montado nun trineo e sendo arrastrado por Mal Reynolds.
Así, pódese exemplificar coa Discovery o dificil equilibrio entre ciencia e aventura, ciencia e espectáculo: establecer un obxectivo coma unha marca de Farthest South atraería o interés do público e aseguraría a financiación; pero a razón lexitimadora do esforzo era o avance da ciencia, o ben común.
Encóntranse exemplos de dilemas parecidos en toda a exploración moderna, desde que cristianizar salvaxes deixou de ser unha excusa admisible para botarse ó mar a conquistar terras lonxanas. A carreira espacial(3), por exemplo, estivo pavimentado de descubrimentos e avances tecnolóxicos, pero foi sobre todo un choque propagandístico de cervos de catorce puntas; Thor Heyerdahl navegou na Kon-Tiki para probar que era posible que a Polinesia fora colonizada dende América, e o seu viaxe foi ó mesmo tempo unha aventura prodixiosa e un experimento científico inútil. O conflicto reprodúcese incluso na recente ceremonia de inauguración do Mundial de Brasil(4); e vén sendo o mesmo que enfrontan os divulgadores científicos e incluso eu, modestamente: facer artículos atractivos, listas de 8 experimentos científicos que farán que creas en fantasmas escritas en párrafos cortos cheos de fotografías; ou ben construir muros de texto, inmisericordes como acantilados de xeo, con ovos de pascua oscuros e valiosos, nos que a narración pelee desesperadamente por escapar da atención do lector.
__________

O ISEE-3 era un satélite lanzado pola NASA en 1978 para estudia-la interacción entre o campo magnético terrestre e o vento solar, que en 1982 estaba tranquilamente orbitando en torno a un punto de equilibrio gravitatorio entre a Terra e o Sol(5), recollendo datos e realizando un traballo oscuro e valioso para a Ciencia, é de supoñer; pero entonces véuselle encima metafóricamente o cometa Halley(6).
O Halley iba achegarse á Terra por primeira vez na era espacial (por primeira vez, de feito, desde xaneiro de 1910, cando Wilson, Bowers e Cherry estaban preparándose para embarcar no Terra Nova), e varias axencias espaciais querían aproveitar esa oportunidade de ouro para mandar sondas ó seu encontro. Estábase formando unha "Halley Armada", na que participarían os xaponeses, os europeos e os rusos, que mandaban dúas naves. Pero a NASA non preparara nada. E estamos falando dos anos 80, da Guerra Fría e a Guerra das Galaxias; había loitas que EEUU simplemente non podía rexeitar. Iba ser un desastre propagandístico.
Así que se agarraron a unha medida de última hora, ideada por un matemático de órbitas chamado Robert Farquhar: en 1982 cancelaron abruptamente a misión da ISEE-3, sacárona da súa órbita e colocárona nunha ruta que a levaría finalmente a cruzarse co Halley no 86 daquela maneira, mind you, pero sobre todo a interceptar ó cometa Giacobini-Zinner en 1985, meses antes de que os rusos e o resto da Armada chegase ó Halley. A ISEE-3 converteuse por tanto na primeira nave en sobrevolar un cometa, e esa particular Farthest South evitoulle a vergonza mediática á NASA.
Vista sin ter nin idea, a ruta que Farquhar lle fai tomar á ISEE-3 é fascinante. Primeiro frénase elegantemente na súa órbita e cae hacia a Terra, pero acelérase o xusto para pasar de largo; ó pendular na outra dirección acaba por pararse de novo, sobre as puntas dos pés, e despois cae cara a Terra coma un alfil lanzado ó ataque, esquivándonos por pouco, xogando con nós. E volve, unha e outra vez, describindo complicados pasos de baile cada vez máis rápido, colándose con gracilidade entre a Lúa e a Terra. A danza de Farquhar acaba nun final apoteósico no que a Lúa desvía á ISEE-3, prométovolo, coma se fosen bolas de snooker, e mándaa nunha nova traxectoria na que acaba por cruzarse cos cometas.
É unha mostra de precisión e xenialidade(6), e sálvalle a honra á NASA; pero faino a costa de cancela-la misión orixinal da nave e interrumpi-la súa labor científica. Ademáis é un logro vacío, porque a ISEE-3 estaba diseñada para estudiar algo moi concreto, e non tiña o instrumental adecuado para que a lanzasen á aventura de cazar cometas.
O equipo orixinal da nave protestou amargamente, incluso na prensa, denunciando que Farquhar lles roubara a ISEE-3. El defendeuse decindo que en realidade a estaba tomando prestada: a nova órbita devolveríaa finalmente ás cercanías da Terra nunhas décadas, e naquel momento alguén se ocuparía de devolvela á súa funcionarial misión de partida.
Pero foron pasando os anos, e o que a axencia espacial fixo foi basicamente olvidarse da nave. En 1999 apagaron os seus dispositivos de voo e despois renovaron os transmisores do telescopio dende o que a controlaban; en 2008, cando foi tempo de planificar qué facer coa nave, déronse conta de que xa non podían comunicarse con ela e decidiron, coma Cabanillas, que era urxente poñerse a esperar.
E ahora está de volta. Vai achegarse á Lúa o 10 agosto. Visto que a NASA estaba deixándoa pasar, un grupo de aficionados (programadores, enxeñeiros, físicos) decidiron organizarse e rescata-la ISEE-3 pola súa conta. Pretendían devolvela á misión orixinal da que fora roubada fai 32 anos, recuperala para a Ciencia e concederlle un último baile cando xa a deran por amortizada.
Primeiro estableceron una campaña de crowdfunding a través da que obtiveron financiación, despois conseguiron o permiso da NASA e alquilaron tempo nun telescopio, recuperaron ou recrearon con tecnoloxía moderna os transmisores que a NASA tirara nos 2000, e tomaron o control da nave. Publico esta entrada o 1 de xullo, e as cousas tenen moi boa pinta: hoxe mesmo recibiron por primeira vez datos do magnetómetro da nave, e mañá mesmo conseguirán activar dous dos propulsores e varia-la súa velocidade de xiro.
Pero non o van conseguir. Intentarán volver encende-los motores durante catro semanas. Concluirán que perderon o gas que presuriza o combustible e o move polas tuberías do sistema de propulsión, e aínda que todo o demáis funcione increíblemente ben para unha vella máquina que leva 40 anos dando voltas polo espacio, ese problema será suficiente para que non poidan redirixi-la nave. Así que se resignarán a deixala marchar na mesma órbita; pero antes encenderán todo o instrumental científico e declararán inaugurada, con certo gusto polas palabras rimbombantes, a primeira "Citizen Science Interplanetary Mission".
A min téñenme gañado para a causa, claro. Desde o principio, desde o romanticismo da idea inicial dun grupo de hackers e amateurs rescatando unha vella nave "menos intelixente ca unha tostadora" e recuperándoa para o ben común, contando ademáis coa axuda de Farquhar, que a estas alturas é un venerable señor de oitenta e dous anos. Unha historia fascinante, espectacular.
Pero non está moi claro durante cánto tempo serán capaces de recibi-los datos que rexistre a ISEE-3, ou si serán capaces de interpretalos. Necesitarán alquilar máis tempo nos radiotelescopios da NASA, e finalmente incluso estes deixarán de captar a súa señal. Corre o risco de converterse noutra marca de Farthest South, unha historia atractiva, que conseguiu que me interesase polo trazado de órbitas espaciais, pero inutil e último termo.  
__________

De volta á expedición Discovery, os científicos da Royal Society acabaron por recoñecer que necesitarían para os seus experimentos a alguén que os levase hasta alí, que fose capaz de establecer e organizar un campamento e que en xeral cargase pesos; así que o comité de organización, despois de nombrar xefe da expedición ó xeólogo John W. Gregory, contratou por recomendación da RGS a un capitán da Marina chamado Robert Scott ó que lle deron o mando do HMS Discovery e unhas intruccións bastante condescendentes: "(T)he Captain would be instructed to give such assistance as required in dredging, tow-netting etc., to place boats where required at the disposal of the scientific staff."
Aproveitando o clima de disputas, que podedes sentirvos libres de extrapolar á rivalidade futbolística que queirades, xurdiu a figura polarizadora de Scott, quen se rebelou co apoio de Markham e da Royal Navy. Esixiu te-lo control absoluto da expedición, tanto no barco coma en terra, provocando a dimisión de Gregory, quen se marchou declarando que o traballo científico "non debería estar subordinado a unha aventura naval"; conseguiu que o Almirantazgo liberase das súas funcións a outros oficiais da Marina para que o arroupasen, e finalmente estableceu que tódolos expedicionarios, militares ou non, se rexirían polo código naval, baixo a súa autoridade.
O plantel científico, nunha tripulación total de 49 personas, acabou por constar soamente de cinco membros. Entre eles había un xeólogo de 22 anos e un médico recién licenciado, e respondían en teoría ante un xefe científico que nin siquiera viaxara á Antártida, senón que se quedara en Sudáfrica.
Curiosamente, foi neste menguado grupo rival onde Scott encontrou ó seu máis cercano colaborador: o médico e zoólogo Edward Wilson, un home diplomático, paciente e optimista, que mantiña moi boas relacións con tódolos oficiais e mariñeiros.
Scott propúxolle a Wilson que o acompañara no seu proxecto personal: pretendía realizar unha gran viaxe de exploración en dirección Sur na temporada de verán de 1902. Non se marcaba o Polo como obxectivo, pero non renunciaría a el si o tiña cerca. Wilson tivo reticencias porque tiña un traballo oscuro e valioso que realizar e non quería deixalo de lado; pero sabía que Scott lle estaba a brindar unha oportunidade que tódolos demáis membros da expedición desexaban, así que finalmente aceptou.
Como consecuencia desto, cando o teniente Skelton encontrou unha colonia de pingüinos Emperador baixo o cabo Crozier, a única persona da expedición que entendía deverdade a importancia científica daquel descubrimiento estaba camiñando en dirección Sur con Scott e Shackleton, lanzado á aventura, perseguindo cometas. 

Continuará, espero


REFERENCIAS
"El peor viaje del mundo" de Apsley Cherry-Garrard
"Llamando a ISEE-3, ¿nos oyes?" e a serie "Susurros desde la ISEE-3" de Arturo Quirantes

(1) A veces tampouco era unha historia da que sentirse particularmente orgulloso. Copio un artigo de Cunqueiro, of all people: "Ahora estoy leyendo los comentarios de Pepys a las transfusiones de sangre que sir Cristóbal Wren, astrónomo real, hizo en perros, en Londres, por primera vez hace ahora mismo trescientos años (...). En 1687 (sic), el año siguiente al gran incendio de Londres, la Real Sociedad de Ciencias experimentó con un loco, graduado en Artes en Cambridge, llamado Arturo Cage, y pariente de lady Castlemaine, la deliciosa amante del último Estuardo. Cage, según Pepys, era un hombre pobre y disoluto, y la Real Sociedad lo ajustó por veinte chelines para que consintiera una transfusión de sangre de oveja (2). Algunos opinaban que la sangre de oveja pacífica, en el cuerpo de aquel frenético, lo calmaría. Cage escribió un relato en latín de la experiencia a que se había sometido, afirmando que se sentía un hombre nuevo, curado de su iracundia. Pero Pepys afirmó que seguía igual, loco perdido".
(2) Cabe, supoño, apuntar que o home se chamaba Arthur Coga e non Cage, que recibiu unha guinea e non vinte chelíns, que era estudiante en Divinidade signifique eso o que signifique e non de Artes, e que o experimento foi en 1667. Sorprende, por outra parte, que, con tódalas imprecisións que cometeu, fose Cunqueiro o único que descubriu o parentesco de Coga con lady Castlemaine, a seica deliciosa amante do último Estuardo.
(3) A carreira ó Everest, sin embargo, esquivou hasta onde eu sei a tentación de autoxustificarse apelando ó ben común. A un dos seu participantes, George Mallory, atribúeselle a frase de que quería escalar a montaña simplemente "because it is there". Que esa frase seña unha simplificación casi ridícula do que realmente escribiu é outro asunto, claro. 
(4) O saque inicial do Mundial foi realizado por un rapaz parapléxico que empleaba un exoesqueleto controlado pola súa mente. Por prestarse a esta maniobra publicitaria, o doctor Nicolelis recibiu financiación pública para o seu proxecto; por outra parte, o seu obxectivo inicial era emplear por primeira vez na ceremonia unha técnica moi avanzada (implantes cerebrales para controla-lo exoesqueleto), pero as prisas do Mundial obligárono a resignarse a outra (un gorro de electrodos) que xa se utilizara moitas máis veces.
(5) A estes puntos de equilibrio chámaselles Lagrangianos en honor a Joseph-Louis de Lagrange, quen enunciou o teorema do punto medio. A relación deste coa existencia de solucións para as ecuacións do sistema Terra-Sol é probablemente trivial, si recordo ben as miñas clases de Cálculo I. Curiosamente Lagrange empezouse a interesar polas matemáticas a raíz de ler un libro de Edmund Halley cando era adolescente, o que é un dato secundario que dota de simetría ou circularidade á aventura da ISEE-3. Halley, por outra parte, era membro destacado da Royal Society, pero igual me estou pasando co da simetría. Ás veces levo as ideas lonxe de máis.
(6) Farquhar foi o descubridor das "órbitas de halo", gracias ás cales unha nave pode orbitar en torno ós Lagrangianos, que son puntos sin atracción gravitatoria propia; era o causante, por tanto, de que a ISEE-3 estivese alí to begin with. Escribe Quirantes que diseñaba as misións de xeito que os momentos máis importantes, coma por exemplo as insercións orbitais, coincidisen con aniversarios de bodas e cumpleanos da súa familia.

Ningún comentario: