mércores, 16 de xullo de 2014

Oportunidades perdidas

Vén do capítulo anterior
Versión en castelán aquí

A expedición Discovery fora organizada conxunta e moi disputadamente por dúas asociacións científicas, a Royal Society e a Royal Geographical Society (RGS de aquí en diante), cuias diferencias, cabería supoñer soamente con leerlles os nomes, non podían ser moi grandes.
A Royal Society, fiel a unha historia(1) na que participaran por igual matemáticos, biólogos e inventores, fixara unha serie moi amplia de obxectivos científicos (recollida e estudio de especímenes, análise da meteoroloxía e da dinámica do xeo, establecemento dunha historia xeolóxica etc), estudiando en profundidade as zonas xa coñecidas. Pola súa banda, a RGS, co seu presidente Clements Markham ó frente, pretendía centra-la expedición na exploración xeográfica do que por entonces aínda era un vacío nos mapas, terra incognita, hic sunt dracones
A diverxencia parece pequena, pero é un punto de apoio no que facer palanca. Nalgunha parte escribín xa sobre cómo somos capaces de resumi-la independencia de Cataluña e a loita entre neoliberalismo e socialdemocracia nun derbi de fútbol, ou usa-la rivalidade entre dous ciclistas coma metáfora da caída do fascismo en Italia. Non costa nada crear unha mitoloxía que encha o furado aberto entre a Royal Society e a RGS: contrapoñe-la sensatez conservadora e un tanto gris dunha frente á romántica fuxida cara adiante da outra, debuxa-la caricatura dun ratón de laboratorio en bata blanca, incapaz de facer lume, montado nun trineo e sendo arrastrado por Mal Reynolds.
Así, pódese exemplificar coa Discovery o dificil equilibrio entre ciencia e aventura, ciencia e espectáculo: establecer un obxectivo coma unha marca de Farthest South atraería o interés do público e aseguraría a financiación; pero a razón lexitimadora do esforzo era o avance da ciencia, o ben común.
Encóntranse exemplos de dilemas parecidos en toda a exploración moderna, desde que cristianizar salvaxes deixou de ser unha excusa admisible para botarse ó mar a conquistar terras lonxanas. A carreira espacial(3), por exemplo, estivo pavimentado de descubrimentos e avances tecnolóxicos, pero foi sobre todo un choque propagandístico de cervos de catorce puntas; Thor Heyerdahl navegou na Kon-Tiki para probar que era posible que a Polinesia fora colonizada dende América, e o seu viaxe foi ó mesmo tempo unha aventura prodixiosa e un experimento científico inútil. O conflicto reprodúcese incluso na recente ceremonia de inauguración do Mundial de Brasil(4); e vén sendo o mesmo que enfrontan os divulgadores científicos e incluso eu, modestamente: facer artículos atractivos, listas de 8 experimentos científicos que farán que creas en fantasmas escritas en párrafos cortos cheos de fotografías; ou ben construir muros de texto, inmisericordes como acantilados de xeo, con ovos de pascua oscuros e valiosos, nos que a narración pelee desesperadamente por escapar da atención do lector.
__________

O ISEE-3 era un satélite lanzado pola NASA en 1978 para estudia-la interacción entre o campo magnético terrestre e o vento solar, que en 1982 estaba tranquilamente orbitando en torno a un punto de equilibrio gravitatorio entre a Terra e o Sol(5), recollendo datos e realizando un traballo oscuro e valioso para a Ciencia, é de supoñer; pero entonces véuselle encima metafóricamente o cometa Halley(6).
O Halley iba achegarse á Terra por primeira vez na era espacial (por primeira vez, de feito, desde xaneiro de 1910, cando Wilson, Bowers e Cherry estaban preparándose para embarcar no Terra Nova), e varias axencias espaciais querían aproveitar esa oportunidade de ouro para mandar sondas ó seu encontro. Estábase formando unha "Halley Armada", na que participarían os xaponeses, os europeos e os rusos, que mandaban dúas naves. Pero a NASA non preparara nada. E estamos falando dos anos 80, da Guerra Fría e a Guerra das Galaxias; había loitas que EEUU simplemente non podía rexeitar. Iba ser un desastre propagandístico.
Así que se agarraron a unha medida de última hora, ideada por un matemático de órbitas chamado Robert Farquhar: en 1982 cancelaron abruptamente a misión da ISEE-3, sacárona da súa órbita e colocárona nunha ruta que a levaría finalmente a cruzarse co Halley no 86 daquela maneira, mind you, pero sobre todo a interceptar ó cometa Giacobini-Zinner en 1985, meses antes de que os rusos e o resto da Armada chegase ó Halley. A ISEE-3 converteuse por tanto na primeira nave en sobrevolar un cometa, e esa particular Farthest South evitoulle a vergonza mediática á NASA.
Vista sin ter nin idea, a ruta que Farquhar lle fai tomar á ISEE-3 é fascinante. Primeiro frénase elegantemente na súa órbita e cae hacia a Terra, pero acelérase o xusto para pasar de largo; ó pendular na outra dirección acaba por pararse de novo, sobre as puntas dos pés, e despois cae cara a Terra coma un alfil lanzado ó ataque, esquivándonos por pouco, xogando con nós. E volve, unha e outra vez, describindo complicados pasos de baile cada vez máis rápido, colándose con gracilidade entre a Lúa e a Terra. A danza de Farquhar acaba nun final apoteósico no que a Lúa desvía á ISEE-3, prométovolo, coma se fosen bolas de snooker, e mándaa nunha nova traxectoria na que acaba por cruzarse cos cometas.
É unha mostra de precisión e xenialidade(6), e sálvalle a honra á NASA; pero faino a costa de cancela-la misión orixinal da nave e interrumpi-la súa labor científica. Ademáis é un logro vacío, porque a ISEE-3 estaba diseñada para estudiar algo moi concreto, e non tiña o instrumental adecuado para que a lanzasen á aventura de cazar cometas.
O equipo orixinal da nave protestou amargamente, incluso na prensa, denunciando que Farquhar lles roubara a ISEE-3. El defendeuse decindo que en realidade a estaba tomando prestada: a nova órbita devolveríaa finalmente ás cercanías da Terra nunhas décadas, e naquel momento alguén se ocuparía de devolvela á súa funcionarial misión de partida.
Pero foron pasando os anos, e o que a axencia espacial fixo foi basicamente olvidarse da nave. En 1999 apagaron os seus dispositivos de voo e despois renovaron os transmisores do telescopio dende o que a controlaban; en 2008, cando foi tempo de planificar qué facer coa nave, déronse conta de que xa non podían comunicarse con ela e decidiron, coma Cabanillas, que era urxente poñerse a esperar.
E ahora está de volta. Vai achegarse á Lúa o 10 agosto. Visto que a NASA estaba deixándoa pasar, un grupo de aficionados (programadores, enxeñeiros, físicos) decidiron organizarse e rescata-la ISEE-3 pola súa conta. Pretendían devolvela á misión orixinal da que fora roubada fai 32 anos, recuperala para a Ciencia e concederlle un último baile cando xa a deran por amortizada.
Primeiro estableceron una campaña de crowdfunding a través da que obtiveron financiación, despois conseguiron o permiso da NASA e alquilaron tempo nun telescopio, recuperaron ou recrearon con tecnoloxía moderna os transmisores que a NASA tirara nos 2000, e tomaron o control da nave. Publico esta entrada o 1 de xullo, e as cousas tenen moi boa pinta: hoxe mesmo recibiron por primeira vez datos do magnetómetro da nave, e mañá mesmo conseguirán activar dous dos propulsores e varia-la súa velocidade de xiro.
Pero non o van conseguir. Intentarán volver encende-los motores durante catro semanas. Concluirán que perderon o gas que presuriza o combustible e o move polas tuberías do sistema de propulsión, e aínda que todo o demáis funcione increíblemente ben para unha vella máquina que leva 40 anos dando voltas polo espacio, ese problema será suficiente para que non poidan redirixi-la nave. Así que se resignarán a deixala marchar na mesma órbita; pero antes encenderán todo o instrumental científico e declararán inaugurada, con certo gusto polas palabras rimbombantes, a primeira "Citizen Science Interplanetary Mission".
A min téñenme gañado para a causa, claro. Desde o principio, desde o romanticismo da idea inicial dun grupo de hackers e amateurs rescatando unha vella nave "menos intelixente ca unha tostadora" e recuperándoa para o ben común, contando ademáis coa axuda de Farquhar, que a estas alturas é un venerable señor de oitenta e dous anos. Unha historia fascinante, espectacular.
Pero non está moi claro durante cánto tempo serán capaces de recibi-los datos que rexistre a ISEE-3, ou si serán capaces de interpretalos. Necesitarán alquilar máis tempo nos radiotelescopios da NASA, e finalmente incluso estes deixarán de captar a súa señal. Corre o risco de converterse noutra marca de Farthest South, unha historia atractiva, que conseguiu que me interesase polo trazado de órbitas espaciais, pero inutil e último termo.  
__________

De volta á expedición Discovery, os científicos da Royal Society acabaron por recoñecer que necesitarían para os seus experimentos a alguén que os levase hasta alí, que fose capaz de establecer e organizar un campamento e que en xeral cargase pesos; así que o comité de organización, despois de nombrar xefe da expedición ó xeólogo John W. Gregory, contratou por recomendación da RGS a un capitán da Marina chamado Robert Scott ó que lle deron o mando do HMS Discovery e unhas intruccións bastante condescendentes: "(T)he Captain would be instructed to give such assistance as required in dredging, tow-netting etc., to place boats where required at the disposal of the scientific staff."
Aproveitando o clima de disputas, que podedes sentirvos libres de extrapolar á rivalidade futbolística que queirades, xurdiu a figura polarizadora de Scott, quen se rebelou co apoio de Markham e da Royal Navy. Esixiu te-lo control absoluto da expedición, tanto no barco coma en terra, provocando a dimisión de Gregory, quen se marchou declarando que o traballo científico "non debería estar subordinado a unha aventura naval"; conseguiu que o Almirantazgo liberase das súas funcións a outros oficiais da Marina para que o arroupasen, e finalmente estableceu que tódolos expedicionarios, militares ou non, se rexirían polo código naval, baixo a súa autoridade.
O plantel científico, nunha tripulación total de 49 personas, acabou por constar soamente de cinco membros. Entre eles había un xeólogo de 22 anos e un médico recién licenciado, e respondían en teoría ante un xefe científico que nin siquiera viaxara á Antártida, senón que se quedara en Sudáfrica.
Curiosamente, foi neste menguado grupo rival onde Scott encontrou ó seu máis cercano colaborador: o médico e zoólogo Edward Wilson, un home diplomático, paciente e optimista, que mantiña moi boas relacións con tódolos oficiais e mariñeiros.
Scott propúxolle a Wilson que o acompañara no seu proxecto personal: pretendía realizar unha gran viaxe de exploración en dirección Sur na temporada de verán de 1902. Non se marcaba o Polo como obxectivo, pero non renunciaría a el si o tiña cerca. Wilson tivo reticencias porque tiña un traballo oscuro e valioso que realizar e non quería deixalo de lado; pero sabía que Scott lle estaba a brindar unha oportunidade que tódolos demáis membros da expedición desexaban, así que finalmente aceptou.
Como consecuencia desto, cando o teniente Skelton encontrou unha colonia de pingüinos Emperador baixo o cabo Crozier, a única persona da expedición que entendía deverdade a importancia científica daquel descubrimiento estaba camiñando en dirección Sur con Scott e Shackleton, lanzado á aventura, perseguindo cometas. 

Continuará, espero


REFERENCIAS
"El peor viaje del mundo" de Apsley Cherry-Garrard
"Llamando a ISEE-3, ¿nos oyes?" e a serie "Susurros desde la ISEE-3" de Arturo Quirantes

(1) A veces tampouco era unha historia da que sentirse particularmente orgulloso. Copio un artigo de Cunqueiro, of all people: "Ahora estoy leyendo los comentarios de Pepys a las transfusiones de sangre que sir Cristóbal Wren, astrónomo real, hizo en perros, en Londres, por primera vez hace ahora mismo trescientos años (...). En 1687 (sic), el año siguiente al gran incendio de Londres, la Real Sociedad de Ciencias experimentó con un loco, graduado en Artes en Cambridge, llamado Arturo Cage, y pariente de lady Castlemaine, la deliciosa amante del último Estuardo. Cage, según Pepys, era un hombre pobre y disoluto, y la Real Sociedad lo ajustó por veinte chelines para que consintiera una transfusión de sangre de oveja (2). Algunos opinaban que la sangre de oveja pacífica, en el cuerpo de aquel frenético, lo calmaría. Cage escribió un relato en latín de la experiencia a que se había sometido, afirmando que se sentía un hombre nuevo, curado de su iracundia. Pero Pepys afirmó que seguía igual, loco perdido".
(2) Cabe, supoño, apuntar que o home se chamaba Arthur Coga e non Cage, que recibiu unha guinea e non vinte chelíns, que era estudiante en Divinidade signifique eso o que signifique e non de Artes, e que o experimento foi en 1667. Sorprende, por outra parte, que, con tódalas imprecisións que cometeu, fose Cunqueiro o único que descubriu o parentesco de Coga con lady Castlemaine, a seica deliciosa amante do último Estuardo.
(3) A carreira ó Everest, sin embargo, esquivou hasta onde eu sei a tentación de autoxustificarse apelando ó ben común. A un dos seu participantes, George Mallory, atribúeselle a frase de que quería escalar a montaña simplemente "because it is there". Que esa frase seña unha simplificación casi ridícula do que realmente escribiu é outro asunto, claro. 
(4) O saque inicial do Mundial foi realizado por un rapaz parapléxico que empleaba un exoesqueleto controlado pola súa mente. Por prestarse a esta maniobra publicitaria, o doctor Nicolelis recibiu financiación pública para o seu proxecto; por outra parte, o seu obxectivo inicial era emplear por primeira vez na ceremonia unha técnica moi avanzada (implantes cerebrales para controla-lo exoesqueleto), pero as prisas do Mundial obligárono a resignarse a outra (un gorro de electrodos) que xa se utilizara moitas máis veces.
(5) A estes puntos de equilibrio chámaselles Lagrangianos en honor a Joseph-Louis de Lagrange, quen enunciou o teorema do punto medio. A relación deste coa existencia de solucións para as ecuacións do sistema Terra-Sol é probablemente trivial, si recordo ben as miñas clases de Cálculo I. Curiosamente Lagrange empezouse a interesar polas matemáticas a raíz de ler un libro de Edmund Halley cando era adolescente, o que é un dato secundario que dota de simetría ou circularidade á aventura da ISEE-3. Halley, por outra parte, era membro destacado da Royal Society, pero igual me estou pasando co da simetría. Ás veces levo as ideas lonxe de máis.
(6) Farquhar foi o descubridor das "órbitas de halo", gracias ás cales unha nave pode orbitar en torno ós Lagrangianos, que son puntos sin atracción gravitatoria propia; era o causante, por tanto, de que a ISEE-3 estivese alí to begin with. Escribe Quirantes que diseñaba as misións de xeito que os momentos máis importantes, coma por exemplo as insercións orbitais, coincidisen con aniversarios de bodas e cumpleanos da súa familia.

martes, 1 de xullo de 2014

Unha idea inevitable

Vén do capítulo anterior 

A raiz do éxito de Malcolm Gladwell, popularizouse na última década unha clase de libros de ensaio máis ou menos científicos nos cales os autores presentan unha tese completamente contraria ó sentido común e tratan de xustificala, con trampas e esgrima intelectual. Máis aló da banalidade de si son falaces ou non, resultan apasionantes como toreo de salón, como boxeo de sombras.
Escuitei fai pouco en Radiolab a un escritor chamado Steven Johnson, que presentaba un libro sobre a formación das ideas. Johnson apoiábase en que a patente do teléfono de Bell fora a primeira por meras horas de diferencia, e en que antes da bombilla de Edison houbera outras 23, para argumentar que estes inventos terían existido sen os seus inventores; e a partir de ahí que as grandes ideas non son producto de xenios individuais —traballando no proverbial garaxe das empresas tecnolóxicas americanas—, senón do entorno, do momento: si o nivel de coñecemento da sociedade e a tecnoloxía dispoñible son os adecuados, a idea acaba por xurdir, de forma lóxica e case inevitable.
Cando unha partida de mariñeiros da expedición Discovery sen moita idea de bioloxía descubriu unha colonia de pingüinos Emperador cerca do cabo Crozier, resultaríalles moi sinxelo subestima-la relevancia histórica dos animaliños, véndoos resbalar e saltaricar no xeo. Pero Edward Wilson, o zoólogo da expedición, encontrábase na ventana temporal exacta(1) e tiña o nivel xusto de coñecemento para que xurdise nel, lóxica e inevitablemente, unha idea que o arrastraría dez anos despois ata o monte Terror, con Bowers e Cherry, por culpa do momento e do entorno.
__________

O biólogo e naturalista alemán Ernst Haeckel —tamén médico, filósofo, ilustrador e primeira persoa en usa-la expresión "Primeira Guerra Mundial"(2)— enunciara en 1866 unha hipótese biolóxica coñecida como Teoría da Recapitulación que se resumía, admirablemente, en cinco palabras (tres en inglés, e posiblemente unha espantosamente longa no alemán orixinal): "A ontoxenia recapitula a filoxenia".
Axudaban, claro, á concisión os términos "ontoxenia" e "filoxenia", que tamén inventara Haeckel. A filoxenia era a historia evolutiva de cada especie; a ontoxenia, os cambios morfolóxicos polos que pasaba cada individuo ó medrar, dende a xestación á idade adulta. O que decía, por tanto, a Teoría da Recapitulación era que cada animal iba pasando durante o seu desenrolo por distintas fases que rememoraban (recapitulaban) os escalóns evolutivos da súa especie.
A metonimia da Teoría da Recapitulación é curiosa e hasta bonita, si me preguntades a min; pero a súa importancia iba máis aló. A hipótese apoiábase en tres leis, máis ou menos arbitrarias.
Segundo a primeira, a da Correspondencia, cada fase do embrión representaba unha forma adulta dos escalóns anteriores da evolución.
Por exemplo, Haeckel fixouse nuns canais similares a unhas agallas que aparecen na farinxe dos embrións humanos, e propuxo que estes canais farínxeos non soamente semellaban branquias, senón que o eran, propiamente, segundo a lei da Correspondencia: agallas completamente formadas dun especimen adulto dalgún escalón evolutivo anterior que estaban sendo recapituladas polo embrión; e por tanto, en gimnástico dibujo en el aire(3), a demostración palpable de que os humanos tiñan antepasados acuáticos. 
A segunda das leis nas que se basaba era a da Adición Terminal, que propoñía que a creación de novas especies se producía ó aparecer un novo paso no desenrolo do embrión ó final dos anteriores; por exemplo, o humano aparecería ó encadirse unha fase mais á xestación do primate máis cercano.
Esta segunda lei planteaba un problema: os embarazos das especies máis avanzadas terían que ser elefantiásicos, lóxicamente, moito máis largos cós das menos evolucionadas. Para contrarrestalo, Haeckel propuxo a terceira lei, a do Truncamento, que decía que o desenrolo embrionario ás veces tiña atallos e  saltábase etapas intermedias. 
Daquela maneira, con parches e ases na manga, a Recapitulación servía como explicación da mecánica evolutiva antes da popularización da xenética, actuando ademáis de ponte entre a teoría de Darwin e a de Lamarck(7), que seguía sendo moi popular naquel momento.
Despois de ser enunciada propagouse rapidamente e converteuse nun dos paradigmas centrais da bioloxía durante a segunda metade do século XIX, pese a que o goteo de excepcións á regla foi constante. Provocou un gran auxe da embrioloxía, pero este non se traduciu en sonoros avances no coñecemento sobre a evolución das especies.
Por exemplo, leváronse a cabo moitos esforzos para tratar de demostrar que as aves xurdiran a partir dos reptís, pero no estudio dos ovos non se encontraban evidencias que probasen esa relación. Sempre se podía apelar, claro, á lei dos atallos: as aves moi evolucionadas tiñan moitas etapas intermedias que recapitular, e necesitaban saltarse algunha. 
 __________

Dende o século XXI é sinxelo subestima-la teoría da Recapitulación; fixarnos nas trampas e atallos, na esgrima intelectual, e supoñer sin moitas dúbidas que é falsa. Pero Edward Wilson era un producto do seu momento e do seu entorno. Estudiara bioloxía en Cambridge a finais do XIX, nunha época na que as ideas de Haeckel estaban en plena vixencia e os pingüinos Emperador eran considerados a especie máis primitiva das aves(4)
A noticia do descubrimento da colonia representaba para Wilson unha oportunidade de estudiar en exclusiva os embrións que menos ancestros deberían recapitular, e por tanto aqueles que tiñan máis posibilidades de non saltarse ningún escalón intermedio. Podería demostra-la orixe evolutiva das aves, a teoría da Recapitulación e, de rebote, a Evolución. Soamente necesitaba recoller un ovo de Emperador.

Continúa no capítulo seguinte
 

REFERENCIAS
"March of the Fossil Penguins", de Daniel Ksepka.
"DevBio", de Scott Gilbert

(1) Falaban en 99% Invisible fai pouco da inaudita importancia política que tivo "Out of time", de REM. Saiu en 1991, cando os discos estaban empezando a comercializarse como CDs pero as estanterías das tendas aínda estaban diseñadas pensando en vinilos. As discográficas vendían os CDs empaquetados coma fascículos dunha colección, pegados a unha lámina de cartón coas dimensións adecuadas para adaptarse ós expositores, pero que estaba pensada para que a xente a tirase enseguida.
Os REM considerábana un gasto inútil de cartón, e negáronse a que "Out of time" aparecese nese formato, ata que a súa discográfica lles propuxo imprimir pola parte de atrás unha petición de firmas para un proxecto de lei. O apoio dos fans de REM ó proxecto foi tal que non soamente conseguiron que se aprobase a lei, senón que contribuíron a que Bush perdese as eleccións frente a Clinton o ano seguinte.
Todo esto sucedeu, de novo, como producto do entorno e do momento, na única ventana de tempo na que era posible, mentras se fabricaban as longbox, antes de que as tendas entendesen que os CDs iban perdurar e se adaptasen a eles.
(2) Empregouno por primeira vez nun artículo no "Indianapolis Star" en setembro de 1914, cando a guerra levaba menos de tres meses(3). A expresión foi popularizada definitivamente en 1920 por Charles à Court Repington, un militar inglés reconvertido en reporteiro de guerra que fora bautizado co xa suficientemente improbable nome de Charles à Court antes de engadirlle o sonoro Repington dun antepasado seu a cambio da herdanza dunha finca en Straffordshire, seguindo unha costume extrañamente extendida no seu entorno e no seu momento.
(3) Sobrevíveo unha imaxe de lanzarse a conclusións precipitadas partindo de indicios escasos. Curiosamente, un deses leaps of faith popularizou un término tiña certo talento para eso que sobreviviu ata a actualidade pese a non significar nada en concreto. Haeckel postulou en 1860 que os primeiros restos de ancestros humanos se atoparían en Asia, describiu en gran detalle estes teóricos restos, e incluso lles puxo nome: Pitecántropo. Cando finalmente se encontraron restos de homínidos na illa de Java denomináronos inicialmente Pithecanthropus Erectus por contaxio, antes de darse conta de que eran unha subespecie de Homo erectus.
(4) É moi complicado tratar de buscar en internet en qué se basaban para pensar eso sin embarrancar en páxinas e páxinas nas que biólogos mosqueados repiten en maiúsculas que a evolución é un proceso continuo e aleatorio que tódolos seres vivos levan o mesmo tempo sufrindo, e por tanto non hai especies máis ou menos evolucionadas, superiores ou primitivas, e a pregunta non tén sentido.(5)
Sin embargo, é perfectamente aceptable decir que o Aptenodytes, o xénero constituído polos pingüinos Emperador e os Rei, é o basal dos pingüinos. Esto significa que foi o que antes se separou do tronco común da familia, fai 40 millóns de anos.(8)
(5) Loitan, claro, contra unha idea que leva douscentos anos percolando, unha especie de parche haeckeliano á Evolución que nos invita a creer que esta se produce en escalóns de perfección, prototipos cada vez máis mellorados ata chegar á actualidade, cando estamos por fin perfectamente adaptados  ó entorno(6).
Está exemplificada pola "March of progress", unha ilustración que resume a evolución humana coma unha fila india de homínidos avanzando decididos e millorando en pasos discretos, uns despois dos outros, ordenadamente, ata acabar chegando a un ser humano arquetípico, central, importante, que camiña cara o seu destino cunha lanza na man. A ilustración, por certo, non pretendía representa-la evolución dos primates coma un camiño único, pero aínda así gañou moita popularidade e axudou a asentar esta idea(7).
Na actualidade este esquema mental foi substituído polo do árbol evolutivo que todos temos na cabeza, no que se parte dun tronco común e as ramas se van separando de maneira aleatoria a medida que se afianzan mutacións. Leín nalgunha parte que sería preciso cambiar incluso este esquema, cun tronco central e ramas de distintos grosores, porque fai que perviva a discriminación por niveis, a perspectiva antropocéntrica, a idea de que as especies máis recentes son superiores; a persona á que llo leín propoñia un arbusto evolutivo, de ramas dispersas sin orden nin niveis e que —todo axuda— non apuntan claramente hacia arriba.  
(6) Pódese rastrear, of all places, ata o texto que George Mallory escribiu para xustifica-lo seu desexo de subir ó Everest. Decía nel: "the struggle [por escala-la montaña] is the struggle of life itself, upward and forever upward"
(7) Máis aló da banalidade de ter ou non razón, creo que sería capaz de defende-la teoría de que aquelas ideas que nos fai sentir importantes son máis resistentes; xa sexa as que nos establecen coma unha versión perfeccionada doutras especies e central na Evolución, coma a "March of Progress", ou as que nos deixan xoguetear, coma o Lamarckismo, coa idea de que o que facemos importa, de que podemos facer máis fortes ós nosos fillos a base de esforzarnos nosoutros e a loita pola vida é similar á loita de subir unha montaña, cara arriba e sempre cara arriba. Claro que tamén seguimos usando aínda a palabra pitecántropo pese a que non significa nada.
(8) Si nos deixamos vencer pola tentación de contar en escalóns discretos e baixamos dous pasos no arbusto evolutivo dos Emperador, colocámonos ó outro lado —neste caso, literalmente debaixo— da fronteira K-T. É decir, que os pingüinos ou unhos antecesores próximos sobreviviron á extinción dos dinosaurios. Apetecíame mencionalo.